O Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación bate récords con máis de 6.000 solicitudes

ACoruñaXa
Os sectores máis demandantes foron a agricultura, gandería, construción, alimentación, metalurxia e servizos
pel-imagen-orzamentos-2-
18 Mar 2025

O Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña segue a ser unha das principais ferramentas de apoio ao emprendemento e ao emprego na provincia, rexistrando un total de 6.176 solicitudes tras o peche do prazo de convocatoria de 2025. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que "ano tras ano increméntase o número de solicitudes, o que demostra a consolidación do PEL como unha ferramenta útil para os pequenos negocios, autónomos e emprendedores da provincia e a necesidade de que as administracións sigamos implicándonos a fondo no apoio á creación de emprego".

González Formoso tamén resaltou o impacto positivo que o PEL ten, especialmente, nos concellos máis pequenos da provincia, contribuíndo á fixación de poboación e ao afrontamento do reto demográfico que afecta ás zonas rurais.

As axudas do PEL distribúense en catro liñas de apoio que suman un investimento total de preto de 9 millóns de euros. A liña PEL-Emprende Investimento, dirixida a pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos en concellos de menos de 10.000 habitantes, volveu superar as cifras dos anos anteriores, rexistrando 1.437 solicitudes. Os concellos con maior número de solicitudes foron Santa Comba, Mazaricos, Melide, Arzúa, Vimianzo e Dumbría, con sectores predominantes como a gandería, a agricultura, a construción, a alimentación e os servizos.

Este ano, as empresas beneficiarias poderán destinar os fondos a investimentos en bens imprescindibles para o desenvolvemento da súa actividade, como maquinaria, equipos tecnolóxicos ou melloras nas infraestruturas, favorecendo a modernización e competitividade do tecido empresarial.

A liña PEL-Autónomos/as, que subvenciona parte das cotas á Seguridade Social, rexistrou 3.892 solicitudes, das que 3.648 foron de persoas que non solicitaron a axuda nos anos anteriores. Esta medida, que eliminou o requisito de antigüidade, permite que máis autónomos na provincia, especialmente aqueles en concellos de menos de 10.000 habitantes, poidan beneficiarse desta axuda, favorecendo o mantemento e fortalecemento do autoemprego.

As axudas PEL-Pemes, destinadas á creación e ampliación do cadro de persoal, acadaron 847 solicitudes, superando tamén as cifras de anos anteriores. A liña PEL-Pemes Creación e Ampliación rexistrou 662 solicitudes, mentres que a liña PEL-Pemes Mantemento, que subvenciona o 50 % dos custos salariais do segundo ano de contratacións indefinidas, recibiu 175 solicitudes. Os sectores máis demandantes foron a agricultura, gandería, construción, alimentación, metalurxia e servizos, destacando novamente concellos como Santa Comba, Mazaricos, Melide, Arzúa, Vimianzo e Dumbría.

Desde a súa creación en 2016, o PEL permitiu a creación de máis de 7.700 empregos e a mellora de máis de 2.700 empresas, ademais de apoiar a máis de 4.000 autónomos. Tamén impulsou a creación dunha Rede Provincial de Coworking con 11 centros en funcionamento.

O Plan de Emprego Local 2025 reafirma o compromiso da Deputación da Coruña cunha economía local forte e sustentable, cunha clara aposta pola innovación e o desenvolvemento empresarial como motores de progreso, permitindo que as empresas e autónomos poidan beneficiarse de diferentes liñas de axuda segundo as súas necesidades. Este ano, as axudas do PEL seguirán favorecendo o emprendemento e a modernización dos negocios, co fin de continuar creando emprego e consolidando a economía local.

⚙ Configurar cookies
0.57446789741516