O piloto arteixán Roberto Blach Jr. da o salto á WRC2

ACoruñaXa
O equipo luso, The Racing Factory, brindou unha oportunidade irrechazable ao piloto arteixán para seguir subindo banzos no World Rally Championship
Imaxe do piloto Roberto Blach Jr. asinando o seu novo contrato
22 Jun 2024

Tras algo máis dunha tempada competindo no FIA Junior WRC, no que Roberto Blach Jr. conseguiu subir repetidas veces ao podio, ao novo piloto arteixán chegoulle a oportunidade de dar o salto ao WRC2 grazas á súa fichaxe polo equipo The Racing Factory, coordinado por Aloísio Monteiro.

Tras competir o pasado mes de maio no Rallye Illas Canarias a bordo do Skoda Fabia RS Rally2, a dupla de Arteixo seguirá coa súa adaptación á súa nova montura esta fin de semana, no Rallye Castelo Branco antes de competir en setembro no Rallye Acrópole e en outubro no Central European Rally, onde pelexará encadrado na categoría WRC2, a previa á máxima categoría do certame mundialista.
A cita do centro de Portugal celebrarase dividida en dúas etapas, cun total de once especiais que completarán algo máis dun centenar de quilómetros cronometrados e onde Roberto Blach Jr. medirase aos mellores equipos do país veciño, onde participan varios pilotos que competiron no mundial de rallies.

Roberto Blach Jr. amosabao seu entusiasmo fronte esta oportunidade: “The Racing Factory ofreceunos unha proposta que non podiamos rexeitar, e grazas a iso daremos o salto ao WRC2. Esta tempada imos competir noutras dúas probas do FIA World Rallye Championship co obxectivo de coñecer as carreiras e adaptarnos ao Skoda Fabia RS Rally2, co que esperamos competir a próxima tempada dentro da segunda categoría do mundial. O apoio de Aloísio Monteiro e dos nosos patrocinadores fixo posible que podamos seguir progresando na nosa traxectoria deportiva. The Racing Factory é un equipo de primeiro nivel, como demostran todos os títulos tanto nacionais como internacionais que lograron como equipo acompañando a grandes pilotos".

Ao que engadía: "Esta fin de semana disputarase o Rallye Castelo Branco, onde xa competimos na tempada 2018, cando logamos o título na Peugeot Rally Cup Ibérica, é unha proba da que temos un bo recordo porque foi onde nos colocamos no liderado do certame promocional que acabamos gañando a final de tempada, sobre todo pola traxectoria que fomos percorrendo desde aquel momento. O noso obxectivo é seguir coñecendo o Skoda Fabia RS Rally2 e ver se podemos pelexar de ti a ti contra os equipos locais, que teñen un nivel extraordinario.”

0.16179895401001