O persoal municipal de Sada maniféstase pola súa situación laboral
O persoal municipal do Concello de Sada concentrouse diante da Casa Consistorial, coincidido coa celebración do pleno municipal. Con esta protesta quixeron manifestar o seu malestar e o rexeitamento á situación que están a vivir.
As traballadoras e os traballadores levaron unha faixa coa consigna "deixade o persoal municipal fóra das vosas liortas", coa que pretenden denunciar e dar a coñecer publicamente que a inestabilidade política do Concello de Sada tamén lles repercute a nivel laboral. Así, subliñan que están nunha situación de incerteza permanente e baixo presión constante, ademais de ver como se dificultan e adían as melloras negociadas para o persoal municipal.
Mentres esta situación se prolongue, o persoal xa avanza que realizará concentracións similares coincidindo coas convocatorias do pleno municipal "até que se vexan atendidas as nosas demandas".