O persoal do transporte en autobús maniféstase na Coruña para esixir un convenio digno

Delegados e delegadas do sector do transporte en autobús manifestáronse polas rúas da Coruña para reclamar o desbloqueo da negociación colectiva e un convenio que garanta incrementos salariais dignos e condicións laborais xustas. A protesta, convocada pola CIG, partiu da estación de autobuses e rematou na zona de Entrexardíns baixo o lema ‘Salario, xornada e máis conciliación’.
O representante da central sindical na mesa negociadora, Ernesto López Rei, advertiu que, se a patronal persiste na súa postura inmobilista, o persoal responderá con catro xornadas de folga en decembro (con datas a determinar polas asembleas) e, tras o Nadal, podería convocarse unha folga indefinida.
O convenio colectivo do transporte en autobús leva cinco anos caducado e, segundo denunciou López Rei, a oferta da patronal limítase a un incremento do 1,2% para 2025, “sen querer tocar nada máis do convenio”. “É a propia patronal a que nos empurra ao conflito”, afirmou, lembrando que o actual texto “está desfasado” e foi superado pola lexislación en materias como control horario e conciliación.
Entre as principais reivindicacións do persoal figuran unha suba salarial vinculada ao IPC real que garanta o poder adquisitivo e a limitación da chamada ‘xornada a disposición’. “Non pode ser que unha persoa traballe sete horas pero teña que estar a disposición quince, pasando horas tirada nas paradas”, subliñou o representante sindical.
A CIG tamén reclama adaptar o convenio á normativa vixente sobre rexistro horario e actualizar os dereitos en materia de permisos e conciliación, dado que o último acordo negociouse hai sete anos.
Durante a mobilización, os sindicatos chamaron á Xunta de Galicia, como titular dos contratos das liñas de autobús, a implicarse activamente para desbloquear a negociación e evitar a folga nun servizo esencial que afecta a milleiros de persoas usuarias do transporte interurbano.