O persoal do Concello de Cambre convoca unha concentración para esixir melloras laborais

Traballadores públicos do Concello de Cambre trasladan que levan anos de negociacións infrutuosas e un progresivo empeoramento das condicións de traballo. Ante isto, o persoal denuncia unha situación extrema e esixe solucións urxentes. A fuxida de funcionarios e funcionarias cara outras administracións con mellores condicións, as xubilacións e as baixas, moitas delas por problemas de saúde mental, provocaron unha carencia crónica de persoal, con vacantes que levan meses sen cubrir.
Indican que a Relación de Postos de Traballo e a organización do persoal datan de 1999, a pesar de que actualmente hai menos efectivos para atender unha poboación maior. Ademais, a carreira profesional non existe, a vixilancia da saúde obrigatoria leva dous anos sen realizarse e as reivindicacións do persoal son ignoradas. O persoal denuncia que non se lle escoita e que é o último que importa ao Goberno municipal.
Ante esta situación, o persoal do Concello de Cambre convoca unha primeira concentración diante da Casa Consistorial o vindeiro xoves 27 de febreiro de 2025 ás 10.50 horas, coincidindo co pleno ordinario do mes. O obxectivo da protesta é manifestar o profundo descontento coas actuais condicións laborais e esixir accións concretas por parte do goberno e da oposición. A mobilización conta co apoio dos sindicatos CCOO, CIG, UGT e CSIF, que tamén demandan melloras urxentes para o persoal municipal.
O colectivo de traballadores insiste en que a mellora da súa situación laboral repercutirá directamente na calidade dos servizos que reciben os veciños e veciñas de Cambre. O persoal reclama que o Concello funcione e que se melloren as súa condicións, xa que iso garantirá que a cidadanía reciba a atención e os servizos que merece.