O persoal do bus por estrada decide hoxe, 2 de marzo, os seguintes pasos tras o pacto de eficacia limitada

ACoruñaXa
A CIG reúne este luns 2 ás traballadoras e traballadores do transporte de viaxeiros na provincia da Coruña para explicar o acontecido na mediación e debater accións, incluída a posíbel impugnación do acordo asinado por patronal e UGT
A CORUÑA folga bus (2)
2 Mar 2026

A negociación do convenio do transporte de persoas por estrada na provincia da Coruña entra nunha nova fase de tensión. A CIG convocou para hoxe, luns 2, asembleas de persoal co obxectivo de trasladar a información do sucedido na última reunión de mediación e consensuar as medidas a adoptar a partir de agora, nun escenario marcado pola sinatura dun convenio de eficacia limitada cando, segundo sostén o sindicato, a negociación aínda estaba aberta.

O sindicato denuncia que patronal e UGT confirmaron ter pechado ese pacto á marxe do proceso e asegura que xa se está a distribuír entre o persoal un documento de adhesión individual. A CIG cualifica a actuación de ‘atentado á liberdade sindical’ e considera que o texto impón condicións ‘insuficientes e lesivas’, ao tempo que advirte de cambios que, ao seu xuízo, recortan complementos e introducen medidas controvertidas no día a día laboral.

Entre as cuestións que o sindicato pon enriba da mesa figuran a modificación da dieta por banda horaria, a redución do plus de convenio e do plus de compensación para as acompañantes escolares, e a creación dun plus ligado ao absentismo, unha medida que interpreta como un elemento de presión interna no cadro de persoal.

A CIG tamén cuestiona o procedemento seguido e entende que a sinatura do pacto supón un boicot á mesa negociadora e unha falta de respecto ao papel mediador do Consello Galego de Relacións Laborais. Ademais, critica a postura de CCOO, ao considerar que non se sumou a unha fronte común para reclamar un convenio de eficacia xeral.

As asembleas convocadas para hoxe servirán, precisamente, para fixar a folla de ruta inmediata. O sindicato xa avanzou que valora impugnar o acordo pola súa ‘dubidosa legalidade’, unha decisión que pretende someter a debate co conxunto do persoal antes de concretar novos movementos no conflito.

0.15432405471802