O persoal de Losán pide en San Caetano un plan de viabilidade e máis acompañamento institucional

Traballadores e traballadoras de Industrias Losán desprazáronse este xoves 12 de febreiro ata Santiago de Compostela para concentrarse diante do complexo administrativo de San Caetano e reclamar unha maior implicación das administracións ante a situación do grupo. A mobilización, convocada pola representación do persoal, tiña como obxectivo solicitar un plan de viabilidade que garanta a continuidade da actividade industrial e dos postos de traballo.
Segundo trasladou o comité, a plantilla acumula catro nóminas sen cobrar, o que incrementa a incerteza e as dificultades no día a día. O presidente do comité en Curtis, Xosé Anxo Sánchez, advertiu do impacto que podería ter unha eventual perda de emprego na contorna: ‘Sería catastrófico perder preto de 200 postos de traballo e esta actividade industrial no rural, onde as alternativas económicas son escasas’.
No marco das reivindicacións, o comité reclamou unha participación máis activa de organismos como a SEPI e o IGAPE para facilitar unha saída industrial. Sánchez lembrou que a Xunta xa destinou fondos á empresa a través do IGAPE (2 millóns de euros en 2025) e de XES Galicia (5 millóns, con 1,5 millóns pendentes), aínda que puntualizou que ‘non estamos buscando axudas públicas para nada; pedimos máis involucración das administracións para darlle viabilidade e reactivar a produción’.
A representación sindical asegura que solicitou reunións con XES Galicia e coa SEPI para coñecer a situación real e explorar posibles solucións, pero que, polo de agora, non obtivo resposta. Mentres tanto, sinalan, a empresa limítase a trasladar que mantén conversas coa banca, sen máis concreción sobre o futuro inmediato.
O Grupo Losán conta en Galicia con dúas fábricas (Industrias Losán en Curtis e Aserpal en Vilasantar), ademais dunha oficina na Coruña, e suma outras plantas noutras comunidades. Segundo as organizacións sindicais, o conxunto das factorías atópase nun escenario de parálise produtiva e impagos, polo que anuncian que continuarán coas mobilizacións ata que haxa unha solución que dea estabilidade ao proxecto e ás persoas traballadoras.