O persoal de Losán leva a Madrid a súa protesta tras catro nóminas sen cobrar: 'Basta de non cobrar, queremos traballar'

ACoruñaXa
Un centenar de traballadores das plantas de Curtis e Vilasantar e dos servizos centrais da Coruña concentrouse ante a SEPI para reclamar ao Ministerio de Facenda unha saída inmediata que garanta o emprego de arredor de 700 familias
CURTIS losan folga madrid
5 Feb 2026

Un cento de persoas traballadoras das instalacións galegas do Grupo Losán desprazáronse este xoves a Madrid para reclamar unha solución urxente á situación límite que atravesa a compañía. A mobilización, convocada por CCOO, desenvolveuse ante a sede da SEPI, coa vista posta en que o Ministerio de Facenda se implique na procura dun plan industrial que dea continuidade á actividade e protexa os postos de traballo dun grupo do que, segundo o sindicato, dependen de maneira directa unhas 700 familias.

A protesta contou coa presenza de persoal das plantas de Curtis e Vilasantar, así como dos servizos centrais da Coruña, xunto con compañeiros doutros centros. Ao longo da concentración repetíronse consignas como 'Losán non paga, e ninguén fai nada' ou 'Facenda dá a cara, a xente está cansada', nun contexto no que a plantilla denuncia que leva xa catro nóminas sen cobrar. Parte do persoal galego saíu ás 3.00 da madrugada para poder chegar á capital e participar no acto.

Na mobilización participaron a secretaria xeral de CCOO do Hábitat Galicia, Alejandra Gesto, e o seu homólogo confederal, Daniel Barragán Burgui. Tamén se sumou persoal doutra gran empresa madeireira galega, Finsa, que acudiu en solidariedade. Gesto advertiu de que 'o cadro de persoal está ao límite' e reclamou medidas inmediatas para evitar que as persoas traballadoras queden atrapadas nunha crise empresarial sen respostas.

CCOO reclama que o Goberno central, a través de Facenda (do que depende a SEPI), e os executivos de Galicia, Castela e León e Castela-A Mancha se senten cos acredores para desbloquear unha saída, ben sexa coa entrada doutra propiedade ou mediante unha intervención sobre a actual. O sindicato sostén que cómpre un compromiso institucional para impulsar un plan industrial con garantías, ao considerar estratéxica a cadea de valor do sector forestal e madeireiro, clave en zonas rurais e industriais polo seu impacto no emprego e na fixación de poboación.

A central sindical tamén cargou contra a xestión da dirección do grupo e rexeitou calquera alternativa que pase por peches, despedimentos ou desmantelamento industrial como fórmula de axuste. Por iso, esixe transparencia e rendición de contas e reclama un compromiso explícito coa continuidade do proxecto, mesmo se iso implica que a actual dirección dea un paso atrás para deixar o futuro da compañía noutras mans, públicas ou privadas.

⚙ Configurar cookies
0.079497098922729