O persoal de Losán en Curtis mobilízase o 15 de xaneiro polo impago de nóminas


Traballadoras e traballadores do Grupo Losán, con presenza na provincia da Coruña a través das súas instalacións de Curtis e Vilasantar, teñen convocadas mobilizacións o 15 de xaneiro para denunciar o impago das dúas últimas nóminas e o que cualifican como un ‘deterioro irreversible’ da situación da compañía. As protestas están previstas ás 12.00 h e desenvolveranse de maneira simultánea en todos os centros de traballo do grupo.
Segundo recollen os comunicados trasladados polos comités, a falta de liquidez provocou que a plantilla non percibise os salarios correspondentes a novembro e decembro, nin tampouco a paga extra de Nadal. Os representantes do persoal sosteñen que non se trata dun atraso puntual, senón dun problema enquistado que atribúen á xestión empresarial e á demora na entrada dun novo investidor, un proceso que, ao seu xuízo, está a alongarse sen explicacións claras.
Ademais do impago, os traballadores alertan dun recorte progresivo dos cadros de persoal que, aseguran, compromete a capacidade de retomar a actividade produtiva con garantías. No caso de Galicia, o foco sitúase nas factorías da comarca, onde a convocatoria busca visibilizar o impacto directo da situación nas familias e no emprego industrial da contorna.
A crise do grupo vén de atrás. En decembro, representantes laborais xa advertiran dun escenario ‘extremadamente grave’, no marco dun proceso de reestruturación e con débedas que superan os 200 millóns de euros, lembrando tamén o rescate recibido pola compañía en 2021 a través da SEPI, de 35 millóns de euros.