O persoal de Losán e Aserpal enche as rúas entre Vilasantar e Curtis: ‘Queremos traballar, non mendigar’

ACoruñaXa
A plantilla denuncia tres nóminas pendentes e a falta dun plan industrial mentras CCOO advirte da incerteza de arredor de 200 familias e lembra a retirada do investidor en decembro
CURTIS aserpal manifa
15 Jan 2026

As persoas traballadoras do Grupo Losán volveron saír este xoves 15 de xaneiro á rúa cunha manifestación multitudinaria entre Vilasantar e Curtis para esixir unha solución inmediata aos impagamentos e garantías de continuidade. Na mobilización participaron empregados de Aserpal e Industrias Losán, tamén persoal das oficinas centrais da Coruña, e veciñanza das dúas localidades. O berro máis repetido foi claro: ‘Queremos traballar, e non mendigar’.

Segundo trasladan os comités de empresa, a situación continúa bloqueada tras acumularse tres nóminas atrasadas (novembro, decembro e a paga extra do Nadal) sen que a dirección puxese enriba da mesa unha fórmula efectiva de pago nin un calendario fiable. Os representantes laborais tamén denuncian que non existe, a día de hoxe, unha proposta concreta que dea seguridade sobre a continuidade industrial e o mantemento do emprego.

CCOO, sindicato maioritario nos comités, alerta de que arredor de 200 familias viven nunha preocupación crecente polo futuro inmediato: unhas 170 persoas traballan nas plantas de Curtis e Vilasantar e outras preto de 30 nas oficinas centrais da Coruña. A afectación, engade o sindicato, esténdese ao emprego indirecto (transporte, servizos e sector forestal) e golpea concellos limítrofes e toda a cadea de valor vinculada á madeira.

O sindicato tamén sitúa un punto de inflexión en decembro, cando o investidor que participaba nos plans de viabilidade decidiu desvincularse. Para CCOO, esa marcha confirma a necesidade dunha intervención con garantías reais e non ‘saídas a desesperada’ a costa do persoal: ‘Non é admisible pretender superar a crise deixando á xente sen salarios e sen horizonte’.

Os comités de empresa contan actualmente con catro delegados/as de CCOO, tres da CIG, un de UGT e dous independentes. Mentres, os traballadores manteñen as protestas e reclaman solucións urxentes para evitar que a parálise das plantas remate nun golpe irreparable para o emprego no interior coruñés.

⚙ Configurar cookies
0.092935085296631