O persoal de Industrias Losán mobilízase o 29 de decembro no SMAC e na sede administrativa da Coruña

ACoruñaXa
O comité de Curtis denuncia impagos de nóminas e da extra de Nadal e alerta dunha situación ‘límite’ para preto de 200 persoas traballadoras en Galiza
CURTIS losan
23 Dec 2025

O persoal de Industrias Losán anunciou dúas concentracións para o vindeiro 29 de decembro no marco das reivindicacións que manteñen abertas pola situación laboral e económica da compañía. A primeira está prevista ás 10.15 horas diante do SMAC e, a continuación, ás 12.00 horas, diante da sede administrativa da empresa na Coruña, na rúa Casares Quiroga, 9.

Segundo expón o comité da fábrica de Curtis, unha parte da plantilla ten pendente o cobro completo das nóminas de outubro e novembro, así como a paga extraordinaria de Nadal. A representación dos traballadores sinala que estes atrasos están a xerar dificultades no día a día e pide unha solución que permita regularizar os pagos.

Desde o comité lembran que o Grupo Losán, con orixe en Curtis, atravesa desde hai máis de dous anos un proceso de reorganización vinculado a unha situación financeira complexa, tras recoñecer unha débeda superior aos 200 millóns de euros, con SEPI e entidades bancarias entre as principais acredoras. Engaden que, durante este período, se produciron pagamentos fraccionados e atrasos reiterados.

A representación social indica tamén que en 2025 non se aplicou a actualización salarial do 3,4 por cento recollida no convenio de empresa. Por este motivo, explican que asemblea acordou presentar un conflito colectivo e manter un calendario de mobilizacións para reclamar o abono das cantidades pendentes e solicitar garantías sobre a continuidade da actividade e do emprego. As demandas afectan a preto de 200 persoas en Galicia, entre as oficinas centrais da Coruña e os centros de Curtis e Vilasantar.

⚙ Configurar cookies
0.078835010528564