O persoal das Escolas Deportivas Municipais mantén as mobilizacións e pide melloras laborais ao Concello da Coruña

ACoruñaXa
As traballadoras e traballadores cualifican de 'decepcionante' a última xuntanza co Goberno local e reclaman avances en estabilidade, condicións salariais e calidade do servizo
A CORUÑA escolas deportivas
24 Oct 2025

O persoal das Escolas Deportivas Municipais (EDM) da Coruña continuará co calendario de protestas para reclamar condicións laborais máis dignas e garantir, din, un servizo O persoal das Escolas Deportivas Municipais (EDM) da Coruña seguirá coas mobilizacións para reclamar condicións laborais e salariais dignas e, segundo explican, garantir un servizo deportivo municipal de calidade. Este xoves concentráronse diante de María Pita e anuncian que pedirán intervir no próximo pleno para expoñer as súas demandas.

As traballadoras e traballadores amosan a súa decepción coa reunión mantida esta semana co Concello, á que asistiron os concelleiros de Economía e Deportes e persoal técnico municipal. Afirman que non houbo avances reais en materia salarial nin de estabilidade, e lembran que o Goberno local —o mesmo executivo encabezado por Inés Rey— asumira hai catro anos o compromiso de mellorar as condicións do cadro de persoal.

Entre as reclamacións figuran a redución da parcialidade nos contratos, a equiparación de condicións entre quen realiza as mesmas funcións e unha actualización salarial. Tamén propoñen ampliar o ámbito das EDM para incluír campamentos e actividades deportivas de verán, co obxectivo de dar máis continuidade ao traballo e avanzar cara a contratos máis estables.

O persoal demanda ademais axustar o calendario das escolas deportivas ao calendario escolar e reforzar os campamentos no verán para cubrir todo o período vacacional, mellorando así a conciliación das familias usuarias e tamén do propio persoal. Xunto a isto, sinalan problemas no estado dalgunhas instalacións e na falta de material deportivo.

As traballadoras e traballadores teñen en marcha unha recollida de firmas entre as persoas usuarias das EDM, que segundo indican xa superou as 1.500 sinaturas, e aseguran contar co apoio dos grupos da oposición, BNG e PP, para que o Goberno municipal reconsidere a súa postura.

⚙ Configurar cookies
0.071651935577393