O persoal da limpeza da UdC inicia paros para reclamar melloras laborais e salariais

ACoruñaXa
As traballadoras esixen que a universidade cumpra os compromisos adquiridos en 2023, denuncian sobrecarga de tarefas e critican a falta de negociación
A CORUÑA manifa udc
14 Nov 2025

O persoal de limpeza da Universidade da Coruña comezou unha serie de mobilizacións para reivindicar condicións laborais máis xustas. As protestas incluíron un paro de dúas horas no campus da Coruña e outro dunha hora no de Ferrol, así como unha concentración fronte ao Reitorado para esixir o cumprimento dos acordos asinados en 2023, cando este servizo foi internalizado a través da FUAC.

A presidenta do comité de empresa, Verónica Bermejo, lamentou que a institución académica 'non quere sentar a negociar melloras salariais e laborais' e advertiu da crecente sobrecarga de tarefas xerada pola redución de persoal. Segundo denunciou, o proceso de internalización veu acompañado de despedimentos, sancións e amortización de postos, o que agrava a presión sobre as traballadoras que permanecen no servizo.

Bermejo lembrou tamén que, durante a subrogación como persoal propio, a universidade excluíra un delegado sindical da CIG, que tivo que ser readmitido por mandato xudicial tras declararse o seu despedimento como nulo.

Coas mobilizacións, o comité reclama que a UDC cumpra as melloras prometidas, entre elas situar ao persoal de limpeza nas mesmas condicións que as traballadoras da Universidade de Santiago, equiparadas ao persoal auxiliar de conserxería. 'Non somos persoal de terceira, formamos parte da comunidade universitaria igual que o resto', afirmou Bermejo, quen tamén criticou o trato clasista que, ao seu xuízo, persiste sobre o sector. Ademais, denunciou que a universidade non conta co persoal de limpeza nos simulacros de incendios nin nas avaliacións e medidas de protección en edificios afectados polo radón.

⚙ Configurar cookies
0.071412086486816