O pequeno comercio de Sada estréase cun 'tardeo' de Nadal con música, obradoiro infantil e visita de Papá Noel

O centro urbano de Sada acollerá este venres 19 de decembro o primeiro 'tardeo' de Nadal do pequeno comercio, unha proposta coa que se pretende dinamizar as rúas na antesala das festas e impulsar as compras de proximidade.
A actividade desenvolverase de 17.00 a 21.00 horas na contorna da intersección entre a rúa Linares Rivas e a rúa Oleiros. Alí haberá un obradoiro infantil con actividades para a rapazada, música en directo cun DJ e a presenza de Papá Noel, que se achegará para alegría dos máis pequenos.
Este 'tardeo' enmárcase na campaña de Nadal de ACESADA, que repartirá máis de 4.000 euros en premios e suma 1.000 premios directos (como bolsas tipo tote bag, libretas, bolígrafos ou chaveiros), ademais dos tradicionais 'rascas'. A acción promocional estará activa do 5 de decembro ao 5 de xaneiro de 2026.
Desde a organización sinalan tamén que ao longo do día os establecementos adheridos poderán ofrecer promocións ou descontos co obxectivo de incentivar o consumo no comercio local. A cita conta coa colaboración do Concello de Sada a través das concellarías de Promoción Económica e Cultura.