O PEL da Deputación apoia este ano a 33 empresas e autónomos de Ordes

Un total de 33 empresas e persoas autónomas do concello de Ordes reciben este ano apoio da Deputación da Coruña a través das distintas liñas do Plan de Emprego Local (PEL), un programa orientado a reforzar o tecido produtivo e favorecer a creación e a estabilidade do emprego no ámbito municipal.
A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitou unha das firmas beneficiarias, ORDESTAR S.L., dedicada á reparación de vehículos e constituída en 2015. A empresa accedeu a unha subvención de 15.000 euros mediante a liña PEL-PEMES, enfocada á contratación de persoal e que pode financiar até o 70% dos custes totais (salario e Seguridade Social) das novas incorporacións durante un ano.
Segundo a Deputación, as 33 axudas concedidas en Ordes repártense entre as diferentes modalidades do programa, que combinan medidas para facilitar contratacións, apoiar proxectos emprendedores e acompañar a actividade de pemes e autónomos. O obxectivo é consolidar negocios, abrir a porta a novos postos de traballo e contribuír á continuidade das iniciativas económicas locais.
Rosa Ana García destacou que ‘o PEL permite apoiar de forma directa ás pequenas empresas e ás persoas autónomas que xeran emprego nos nosos concellos, ofrecendo recursos para contratar persoal, ampliar a súa actividade ou iniciar novos proxectos’, e puxo en valor a continuidade do programa como unha rede estable de apoio ao tecido produtivo. Na última década, o PEL contribuíu á creación de máis de 8.000 empregos na provincia da Coruña.