O Pazo dos Deportes de Riazor acollerá o Campionato Galego de Atletismo sub-10 e sub-12
A pista cuberta do Palacio dos Deportes de Riazor acollerá o vindeiro domingo 10 de marzo unha das competicións máis importantes do calendario autonómico do atletismo galego: o Campionato de Galicia Sub-10 e Sub-12.
Esta previsto que nel participen un milleiro de persoas, entre atletas, adestradores, xuíces, persoal técnico, voluntarios e colaboradores, nunha xornada na que estarán implicados máis de medio cento de clubs e entidades deportivas.
A celebarción desta cita, promovida pola Federación Galega de Atletismo co apoio do Concello, supón a volta dos campionatos de atletismo “indoor” a Riazor case sete anos despois da última proba disputada na cidade. Foi a mediados de marzo do ano 2017, cando o sintético coruñés acolleu a disputa das categorías Sub-10, Sub-12 e Sub-14.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, puxo en valor a recuperación desta gran festa do deporte base na cidade, “que supón un grande aliciente para achegar as rapazas e rapaces ao atletismo, aprendendo, gozando e competindo nun evento que, a bo seguro, tamén servirá para incidir, xa a nivel interxeracional, na importancia do deporte para fomentar hábitos saudables no día a día, unha liña de traballo na que se está a traballar con énfase desde o Concello”.
O concelleiro trasladou, ademais, o seu agradecemento á Federación Galega de Atletismo e, máis en concreto, ao seu presidente, Iván Sanmartín, polo esforzo e colaboración institucional co Concello, que abriu camiño á volta desta proba a Riazor.
Pola súa banda, Sanmartín destacou que, para a Federación Galega de Atletismo, “este é un dos eventos máis importantes do noso calendario por tratarse dun campionato na que estarán participando as categorías base do noso atletismo. Agradecemos novamente ao Concello da Coruña a súa importante colaboración e apoio no desenvolvemento do mesmo”.
Cómpre lembrar que Riazor segue sendo un dos grandes focos do atletismo local, no que os clubs Marineda Atlético, Riazor Coruña, Coruña Comarca e 'Mochila del Deporte', entre outros, continúan a usar o recinto cuberto como punto central para o desenvolvemeno da súa actividade deportiva. Ademáis de todo isto, a pista cuberta emprégase para dar acollida a competicións oficiais e tamén aos distintos controis federados organizados tanto pola Federación como polos clubs da cidade.