O Pazo dos Deportes de Arteixo prepárase para unha reforma integral da súa cuberta

O Concello de Arteixo anunciou unha intervención de envergadura no Pazo dos Deportes, inaugurado no ano 2011, co fin de renovar e protexer a súa cuberta, afectada polo desgaste que provoca a proximidade ao mar. O investimento previsto, de 193.000 euros, busca prolongar a vida útil da instalación e garantir condicións óptimas para a práctica deportiva.
As actuacións incluirán a eliminación das filtracións de auga, a substitución e protección dos elementos metálicos oxidados no alero perimetral e a instalación de sistemas de seguridade colectiva que faciliten o acceso e as revisións periódicas da cuberta.
O prazo de execución será de tres meses a partir da formalización do contrato. Segundo sinala o Concello, trátase dunha obra preventiva para frear o deterioro e asegurar que o Pazo continúe a ser un espazo seguro e funcional para deportistas e público.