O Pazo de Vila Melania en Culleredo acollerá unhas xornadas sobre o medio mariño

ACoruñaXa
Teñen como obxectivo educar e concienciar sobre a importancia dos ecosistemas mariños
cull-mar
14 Apr 2025

Culleredo acollerá a finais deste mes unhas xornadas divulgativas dedicadas ao coñecemento e conservación do medio mariño, no marco do proxecto ‘Coñece o teu mar’, promovido polo Grupo Naturalista Hábitat. As actividades desenvolveranse no Pazo de Vila Melania os días 23, 24 e 25 de abril, cunha saída de campo prevista para o domingo 27 de abril.

As xornadas, de carácter gratuito e aberto ao público, teñen como obxectivo educar e concienciar sobre a importancia dos ecosistemas mariños, a súa biodiversidade, os perigos que os ameazan e o impacto das actividades humanas sobre eles.

Durante tres tardes consecutivas, en horario de 19.00 a 20.30 horas, celebraranse charlas temáticas: o día 23 falarase do medio mariño en xeral, o 24 estará dedicado á flora mariña e o 25 á fauna. Para completar a experiencia, o domingo 27 terá lugar unha saída de campo á Ría do Burgo, de 10.30 a 12.00 horas, onde se poderán observar in situ os elementos tratados nas sesións previas.

As prazas son limitadas, polo que será necesario inscribirse previamente a través da web do Grupo Naturalista Hábitat. As persoas participantes contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante todas as actividades.

Para máis información, o público pode escribir ao correo electrónico mares@gnhabitat.org ou chamar ao 639 131 688. Esta iniciativa conta coa colaboración do Concello de Culleredo e está cofinanciada pola Unión Europea a través da GALP Golfo Ártabro Sur.

 

⚙ Configurar cookies
0.16146492958069