O Pazo de Meirás recupera o ambiente cultural do proxecto impulsado por Emilia Pardo Bazán
O Pazo de Meirás en Sada acolleu este xoves 9 de maio a presentación do libro ‘Benito Pérez Galdós. Cartas inéditas: sobre el teatro, junto con otras cartas de Emilia Pardo Bazán’, de Adelina Batlles. O libro recolle parte da correspondencia persoal que a condesa de Pardo Bazán cruzou co escritor.
O acto estivo conducido pola xornalista da cadena SER Marta González Novo e ao que tamén asistiron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas e o Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso .
Neste sentido, Pedro Blanco, aproveitou o evento cultural para celebrar que o Pazo de Meirás, tamén coñecido como As Torres de Meirás, recupere o ambiente cultural que impregnaba este espazo cando foi ordenado construír por dona Emilia Pardo Bazán.
Neste senso, o delegado salientou que as cartas entre dona Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós “regresen en forma de libro ao lugar no que foron escritas décadas atrás” e incidiu no feito de que, “ademais de destacar a figura de Pérez Galdós e a influencia que Pardo Bazán tivo na súa vida, reivindicamos a recuperación deste espazo que, ao igual que dona Emilia, forma parte da cultura e a identidade do noso país”. “Un patrimonio do que nos sentimos verdadeiramente orgullosos”, apuntou.
Pedro Blanco agradeceu á Deputación da Coruña e ao seu presidente, Valentín González Formoso, a colaboración a organización deste tipo de actos, “que promoven e poñen en valor o rico patrimonio cultural galego”, así como ao alcalde de Sada, Benito Portela, a acollida no concello.