O Pazo de Meirás convértese en plató de RTVE para o especial do 20-N

O Pazo de Meirás, no concello de Sada, será o escenario escollido por RTVE para a edición especial de ‘A noite en 24 horas’ que lembrará o 50 aniversario da morte do ditador Francisco Franco. O espazo de análise do Canal 24 Horas abandonarará por unha noite os estudos de Torrespaña para instalar o seu set neste inmoble sadense, nunha emisión monográfica incluída na programación ‘20-N. 50 anos do gran cambio’.
Segundo avanzou a corporación, será a primeira vez que un programa de televisión se emita desde o Pazo de Meirás, antigo palacete de verán de Franco e un dos lugares máis asociados ao franquismo xunto co Palacio do Pardo e o Val dos Caídos. A elección deste espazo chega nun momento no que o edificio, situado en Meirás, en Sada, está inmerso no seu proceso de resignificación como lugar de memoria democrática tras a súa recuperación para o patrimonio público.
O especial, que se realizará en directo na noite do mércores 19 de novembro, contará coa dirección e presentación do xornalista Xabier Fortes. No Pazo de Meirás reunirase cun panel de persoas expertas para analizar o final da ditadura e os primeiros pasos da Transición. Entre elas figuran o historiador Julián Casanova, autor dunha recente biografía de Franco, así como analistas políticos convidados polo programa.
A dimensión institucional tamén estará presente na mesa de debate, coa participación do ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, e do alcalde de Sada, Óscar Benito Portela, en representación do municipio que alberga o pazo. A presenza do rexedor sitúa de novo a localidade no foco estatal arredor das políticas de memoria e da recuperación do patrimonio ligado á ditadura.
Ademais do coloquio no set instalado en Meirás, Fortes percorrerá co historiador Lorenzo Fernández Prieto algúns dos escenarios máis simbólicos do franquismo. O programa combinará estas pezas gravadas con material de arquivo e filmacións do NO-DO que amosarán como se construiu a imaxe pública do réxime e do propio ditador.
Esta emisión desde Sada forma parte do dispositivo especial de RTVE con motivo dos 50 anos da morte de Franco, que inclúe un canal temático en RTVE Play e diferentes espazos informativos e documentais dedicados a repasar o fin da ditadura e a chegada da democracia. O feito de que o Pazo de Meirás se converta en plató para falar precisamente de memoria democrática supón un novo xesto simbólico na transformación deste lugar, durante décadas asociado ao poder franquista, nun espazo ao servizo da reflexión e da cidadanía.