O Pazo de Mariñán inaugura a Escola de Verán do Poder Xudicial, referente formativo da carreira xudicial

GaliciaXa | ACoruñaXa
Xuíces e xuízas de toda España asistirán a esta Escola, incluída no programa de formación continua do Consello Xeral do Poder Xudicial
bergondo-xudicial
2 Jul 2025

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou na inauguración da XXVII edición da Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebra no emblemático pazo de Mariñán, no concello de Bergondo. No acto tamén estiveron presentes o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e a vocal do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), Gema Espinosa, presidenta do consello reitor e directora da Escola.

Antes da apertura oficial das xornadas, as tres institucións asinaron o convenio que garante un ano máis a celebración dunhas xornadas que este ano acadan a súa vixésimo sétima edición. O programa desenvolverase ata o 11 de xullo, cun enfoque centrado na Lei Orgánica 1/2025, de medidas en materia de eficiencia da Xustiza, afondando nos cambios estruturais que implicará a súa aplicación.

Durante a súa intervención, Formoso destacou o valor da maxistratura como “piar” do Estado, xunto a profesionais tan esenciais para a sociedade como docentes e sanitarios. O presidente provincial tamén puxo en valor a tradición de Mariñán como “casa do dereito”, en referencia non só a estas xornadas, senón tamén a outros encontros como a Escola do Ministerio Fiscal, que tamén se celebra neste edificio da Deputación.

Tanto Diego Calvo coma Gema Espinosa coincidiron con Valentín González Formoso en sinalar a cita como un evento consolidado e un referente, logo de case tres décadas celebrándose no pazo bergondés.

Xuíces e xuízas de toda España asistirán á Escola de Verán, que está incluída no programa de formación continua do Consello Xeral do Poder Xudicial. Para as mesas e conferencias contarase con maxistrados e maxistradas, catedráticas e catedráticos e especialistas en cada materia. Abordaranse temas como a creación de unidades xudiciais, a posta en marcha da nova estrutura de oficina xudicial e a modernización tecnolóxica da Xustiza.

A Escola de Verán do Poder Xudicial botou a andar en 1997 e, segundo o propio CXPX, a día de hoxe o seu prestixio convértea nunha das actividades formativas con máis demanda dentro da carreira xudicial.

⚙ Configurar cookies
0.15940499305725