O Pazo de Mariñán acollerá a terceira edición do programa Residencias Artísticas Mariñán

ACoruñaXa
Procura reforzar e apoiar a creación artística nun espazo singular e con todos os medios a disposición
residencias-Mariñán-1
27 Jan 2025

Chega a terceira edición das Residencias Artísticas Mariñán, un dos programas do departamento de Cultura da Deputación para o apoio á creación artística. O BOP publica as bases dunha convocatoria que procura continuar reforzando propostas centradas nos procesos creativos, nun espazo singular, como é o Pazo de Mariñán, e poñendo a disposición dos participantes todos os medios para desenvolveren os seus proxectos con éxito e nas mellores condicións.

Seleccionaranse un máximo de catro proxectos do ámbito musical e outros catro dos eidos da literatura e do pensamento, nos que as creadoras e creadores poderán traballar no Pazo de Mariñán entre 31 de marzo e o 11 de abril. No caso das residencias musicais, as estadías dividiranse en dúas quendas: as dúas primeiras propostas, do 31 de marzo ao 5 de abril, e do 6 ao 11 de abril as outras dúas.

As solicitudes presentaranse de xeito telemático a través da Plataforma de tramitación electrónica da Deputación provincial da Coruña (SUBTEL). O prazo estará aberto do 28 de xaneiro ata 14 de febreiro. As bases da convocatoria poden consultarse e descargarse no BOP do 27 de xaneiro.

"Coas residencias de música", explica a deputada de Cultura, Natividade González, "queremos promover o desenvolvemento da produción musical galega desde unha ollada contemporánea e consciente; establecer un contexto de acompañamento e formación para mellorar a viabilidade e a profesionalización das producións, e crear sinerxías con outras residencias e programacións para fomentar o intercambio de propostas e artistas e mellorar a proxección das producións". Engade: "E coas residencias de literatura e pensamento buscamos fornecer as condicións favorables para intensificar o proceso de creación literaria e o pensamento en contextos de traballo e aprendizaxe comunitarios".

Os dous xurados que seleccionarán os proxectos estarán presididos pola deputada de Cultura e formarán parte de cada un deles tres persoas expertas de recoñecido prestixio. As persoas encargadas do comisariado son Aitana Cuétara nas residencias de música e Roberto Abuín nas de literatura.

EDICIÓNS ANTERIORES

Nas dúas anteriores edicións das residencias musicais, por Mariñán pasaron Berto, Caamaño&Ameixeiras, Mario G. Cortizo, Xacobe Martínez Cuarteto Federal, Chumba, aTorna, Cantometrics e Su Garrido Pombo. Grazas ás residencias de literatura e pensamento, traballaron no pazo bergondés Vanesa Martínez, Andrés Sanjurjo, Paula Domínguez, Judith Ruso, Esther Carrodeguas, Soraya Lema, Abraham Pérez, María Marco, Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña.

En Mariñán empezaron a desenvolverse traballos coma 'Quitar o aire', o último disco de Caamaño&Ameixeiras; o proxecto Cuarteto Federal, encontro entre catro talentos do jazz contemporáneo español: o galego Xacobe Martínez, o andaluz Javier Galiana, o catalán Guillem Arnedo e o canario Kike Perdomo; 'Só un solo', que lle valeu a Mario G. Cortizo o Premio Martín Códax da música galega 2023; ou 'Iribarne', texto teatral de Esther Carrodeguas que levou a escena, con grande éxito, o Centro Dramático Nacional.

 

0.17245101928711