O Pazo de Arenaza ampliará o espazo de coworking con obras por 256.000 euros

ACoruñaXa
O Concello de Oleiros logra o compromiso da Deputación para restaurar o patio e as antigas cabalarizas do inmoble, co obxectivo de incorporar máis persoas emprendedoras
OLEIROS arenaza
7 Nov 2025

O Pazo de Arenaza, cedido polo Concello á Deputación da Coruña para albergar un centro de traballo compartido, dará un novo salto adiante para responder á elevada demanda do tecido emprendedor. O alcalde, que tamén é deputado provincial, trasladou á institución provincial a necesidade de gañar superficie útil e acadou o compromiso para que a Deputación execute unha intervención valorada en 256.000 euros.

O proxecto ten como finalidade incrementar os espazos dispoñibles mediante a recuperación do patio e a rehabilitación das antigas cabalarizas, hoxe en desuso, co fin de habilitar novos postos, salas polivalentes e áreas de apoio que permitan incorporar máis iniciativas nun equipamento que se ten consolidado como motor de emprendemento local.

A ampliación artellarase a través dun concurso de ideas promovido pola Deputación da Coruña en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, co que se busca unha solución arquitectónica respectuosa co valor patrimonial do pazo e, ao tempo, funcional para un uso contemporáneo de coworking. Unha vez resolto o concurso, a institución provincial asumirá a execución das obras.

Desde o Concello sublíñase que a actuación permitirá acompañar mellor os proxectos que están a nacer no municipio e facilitar sinerxías entre profesionais, ao tempo que se preserva e pon en valor o patrimonio histórico do Pazo de Arenaza.

⚙ Configurar cookies
0.071710109710693