O pavillón San Marcos entra en obras cunha reforma ambiciosa para gañar espazo e accesibilidade

O traslado do ximnasio municipal a 'Os Loureiros', do que o Concello xa informou esta semana, ten unha razón de fondo: o inicio inminente das obras de remodelación e ampliación do pavillón San Marcos. A actuación comezará nos vindeiros días e está chamada a converterse nunha das intervencións principais do mandato no ámbito deportivo.
O alcalde, José Antonio Santiso, define o proxecto como unha iniciativa 'estrela' coa que o Concello busca dar un salto nas infraestruturas municipais. 'Queremos que Abegondo siga sendo un referente a nivel deportivo, con instalacións municipais que estean á altura da demanda crecente e das necesidades da veciñanza', sinala.
As obras contan cun orzamento de 1.483.831,35 euros e inclúen unha ampliación de superficie en distintos puntos do edificio. O plan de actuación prevé gañar espazo, entre outras áreas, na zona de vestiarios, no propio ximnasio, na sala fitness e na de actividades dirixidas, ademais doutras dependencias. Xunto a iso, contempla a renovación do pavimento da pista deportiva e melloras enfocadas a reforzar as condicións de accesibilidade.