O pavillón municipal Juan Tenreiro contará cunha cuberta totalmente renovada

O Concello de Miño iniciou unha reforma integral da cuberta do Pabellón Deportivo Municipal Juan Tenreiro, unha actuación que pretende poñer fin aos continuos problemas de filtracións que o edificio vén arrastrando desde a súa construción. A intervención permitirá mellorar de maneira notable o estado da infraestrutura deportiva de referencia para o municipio.
O proxecto, cun investimento global que supera os 106 000 euros, conta cunha achega de 60.000 euros por parte da Xunta de Galicia, mentres que o resto do orzamento será asumido con fondos municipais. Desde o goberno local subliñan que se trata dunha actuación planificada para ter unha solución definitiva e non seguir recorrendo a arranxos puntuais.
A nova cuberta deseñarase cunha maior inclinación, o que evitará a acumulación de auga que estaba na orixe de boa parte das filtracións. Xunto a iso, eliminaranse os canalóns interiores, que provocaban constantes incidencias, e suprimiranse os montantes das pezas, favorecendo unha execución máis limpa, segura e eficiente, tanto durante as obras como na futura conservación do inmoble.
O pavillón leva oficialmente o nome de Pabellón Deportivo Municipal Juan Tenreiro desde o pasado mes de xuño, en homenaxe á traxectoria deste histórico adestrador e dinamizador do deporte local, especialmente vinculado ao fútbol sala e ao Club Alameda Xarío FS. Trátase dun espazo moi utilizado por clubs, polas escolas deportivas municipais e pola veciñanza para adestramentos, competicións e actividades ao longo de todo o ano.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, explicou que esta actuación 'é unha mellora imprescindible para garantir a seguridade, o confort e a continuidade da actividade deportiva no pavillón'. Segundo indicou, 'a cuberta levaba tempo presentando problemas e era necesario intervir cunha solución definitiva e non con remendos temporais que só atrasaban o problema'.
O Concello sinala que os traballos xa están en marcha e que se organizarán os usos do pavillón para minimizar as molestias ás persoas usuarias mentres se executa a obra. A previsión do goberno local é que, unha vez rematada a intervención, o recinto gañe en funcionalidade e en confort, consolidándose como unha instalación deportiva moderna e preparada para o uso intensivo que ten no día a día do municipio.