O pavillón municipal de Sada converterase este sábado no epicentro do taekwondo de base galego

Sada acollerá este sábado 14 de marzo unha nova edición do Rankeable Sada Marina 2026 de técnica e freestyle, unha competición que levará ao Pavillón Municipal unha xornada centrada no taekwondo de base e que volverá situar o municipio no calendario deportivo galego. A cita, programada pola Concellería de Deportes, está organizada polo Club Taekwondo Sada e conta coa colaboración do Concello de Sada e da Federación Galega de Taekwondo.
A competición desenvolverase en dúas partes. De 9.30 a 14.00 horas disputarase a modalidade de poomsae e de 14.00 a 15.00 horas será a quenda do freestyle, aínda que a organización advirte de que os horarios son orientativos e poden variar en función da participación final. O acceso do público será libre.
O rankeable está dirixido ás categorías benxamín, alevín, infantil, cadete infantil e xuvenil na modalidade técnica, mentres que no freestyle poderán competir deportistas de 12 a 17 anos. Ademais, as categorías individuais de técnica serán puntuables para o ranking galego, coa excepción do freestyle e da técnica xuvenil.
A xornada terá tamén unha vertente solidaria. A organización organizou unha recollida de alimentos a favor da protectora 'Xuntos As Mariñas', sobre todo comida húmida e penso para gato, ademais de útiles de limpeza. Xunto ao interese deportivo da cita, o evento busca así sumar tamén un compoñente social nunha fin de semana na que Sada exercerá de anfitrioa para clubs de dentro e fóra de Galicia.