O Pavillón Municipal de Deportes de Sada contará cun novo aparcadoiro
O goberno local de Sada continúa traballando no ámbito da mobilidade para dotar ó Concello de aparcamentos disuasorios que permitan minorar a presencia de tráfico rodado no centro do casco urbano. Así pois, o executivo de Benito Portela informa de que está a planificar a execución dun novo aparcadoiro na parcela situada na parte posterior do Pavillón Municipal de Deportes. Para desenvolver este proxecto estímase un orzamento de 200.000 euros que permitiría a creación de máis de medio centenar de prazas de aparcamento.
O obxectivo principal é ofrecer alternativas de estacionamento que faciliten os desprazamentos a pé, contribuíndo ó desconxestionamento do tráfico rodado e á mellora do medio ambiente urbano. O aparcadoiro será en todo caso respectuoso coa contorna máis próxima, ó situarse nas inmediacións do espazo protexido das Brañas de Sada.
Con esta iniciativa, o Concello de Sada busca reducir a presión de tráfico nas rúas principais e fomentar o uso racional dos vehículos, favorecendo así unha mobilidade máis sostible e ordenada. O aparcamento estará situado a menos de 10 minutos do núcleo comercial. Veciñanza e visitantes poderán gozar dunhas mellores condicións de estacionamento, o que tamén repercutirá positivamente no comercio local e na vida social da nosa vila.