O pavillón de Présaras acollerá o concurso de disfraces do Entroido de Vilasantar

ACoruñaXa
A cita será o sábado 14 de febreiro desde as 17.00 horas e repartirá 525 euros en premios entre grupos e participantes individuais
entroido-23-vilasantar
26 Jan 2026

O Concello de Vilasantar volverá celebrar este ano o seu concurso de Entroido cunha tarde pensada para lucir creatividade, posta en escena e moita retranca. A convocatoria será o sábado 14 de febreiro, no pavillón polideportivo de Présaras, a partir das 17.00 horas.

O certame repártese en dúas modalidades. Na categoría de comparsa ou grupo (cun mínimo de tres persoas), entregaranse 200 euros para o primeiro premio, 100 euros para o segundo e 50 euros para o terceiro. No apartado individual ou dúo, os premios serán de 100 euros, 50 euros e 25 euros, respectivamente.

Para participar é obrigatorio inscribirse con antelación chamando ao 981 778 169 ou o mesmo día do concurso no pavillón, entre as 16.00 e as 16.30 horas. O xurado valorará aspectos como o vestiario, maquillaxe e estética, a orixinalidade e creatividade, o traballo na elaboración, a organización e a posta en escena, así como a interacción co público e a capacidade de animación. A puntuación establecerase de 0 a 5 puntos.

As bases tamén recollen que as actuacións terán un tempo máximo de 4 minutos, momento no que a organización poderá deter a música e a representación. Ademais, os disfraces con temática ofensiva, discriminatoria ou vexatoria poderán quedar fóra do concurso.

Quen precise música para a súa actuación deberá levala nun USB e avisar no momento de anotarse, cun dispositivo identificado co nome do propietario e o lema co que participa. A entrega de premios farase o propio día de xeito simbólico, xa que o pagamento se realizará por transferencia bancaria, polo que as persoas gañadoras deberán designar un representante e facilitar un número de conta con IBAN. Os premios tamén poderán quedar desertos se non hai participación.

O Concello lembra, por último, que o evento será gravado e fotografado, e que as imaxes poderán difundirse nas redes sociais e na web municipal, segundo o recollido nas condicións do concurso.

entroido vilasantar
⚙ Configurar cookies
0.080976009368896