O Pavillón Castelao I acolleu o VIII Trofeo de Patinaxe Artística de Ordes

O Pavillón Castelao I de Ordes converteuse no escenario dunha gran exhibición de talento sobre rodas coa celebración do VIII Trofeo de Patinaxe Artística. O evento contou coa participación de máis de 80 nenas e nenos pertencentes aos clubs Gaia, Fontiñas, Torre de Altamira e Conxuro, que demostraron as súas habilidades nunha xornada espectacular.
O público respondeu con entusiasmo, enchendo as bancadas e aplaudindo as distintas actuacións que se sucederon ao longo do día. A competición destacou pola calidade técnica e artística dos exercicios presentados polos patinadores e patinadoras, que fixeron desfrutar a todas as persoas asistentes.
Ao remate do evento, a concelleira de Deportes, Ana Soneira, fixo entrega de medallas e diplomas a todas e todos os participantes, recoñecendo o seu esforzo e dedicación.
Este torneo contou co apoio do Concello de Ordes, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, reafirmando así o compromiso das institucións co fomento do deporte base e a promoción da patinaxe artística na comarca.