O patio da escola infantil de Vilarrodís en Arteixo será reformado polo Concello

ACoruñaXa
As obras, cun investimento de 36.400 euros, inclúen a substitución dos xogos exteriores, a renovación do peche perimetral e a creación de novas zonas de xogo e céspede
Imaxe do escola infantil de Vilarrodís
12 sep 2024

O Concello de Arteixo vén de rematar esta semana as obras de mellora no patio da escola infantil de Vilarrodís, co obxectivo de ofrecer un espazo máis seguro e funcional para os nenos e nenas do centro. A intervención inclúe a renovación dos xogos exteriores en mal estado, a reubicación de instalacións e a mellora do peche perimetral.

Os traballos consistiron na substitución dos xogos infantís de madeira, que presentaban sinais de deterioro, e no traslado da caseta destinada aos apeiros de xardinería e o horto escolar a unha nova localización, próxima ao linde este do recinto. Ademais, procedeuse á renovación do peche de malla, que foi substituído por un de maior resistencia, de dous metros de altura e reforzado con postes de aceiro. Tamén se instalou un portal corredizo que conecta o patio co centro social de Vilarrodís, un espazo contiguo á escola e que pode ser empregado pola comunidade escolar.

A reforma incluíu tamén a construción dun novo areeiro de xogos, cunha superficie aproximada de 12 m², e a rexeneración da área de céspede, mediante limpeza, fresado e nova sementeira. En total, a actuación abrangue unha superficie de 536 m² e contou cun investimento municipal de 36.400 euros.

Estas melloras permitirán que o patio da escola infantil de Vilarrodís sexa un espazo máis seguro e atractivo para os nenos, contribuíndo ao seu benestar e desenvolvemento nun ambiente renovado e adaptado ás súas necesidades.

0.19483399391174