O paseo da praia da Ribeira suma unha nova zona de calistenia ao aire libre

O paseo da praia da Ribeira conta xa cunha nova área de calistenia, unha instalación deportiva ao aire libre coa que o Concello de Miño amplía a súa oferta municipal para facer exercicio en espazos públicos. O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, acompañado por varios concelleiros, visitou esta semana o novo equipamento, enmarcado na aposta do goberno local pola promoción do deporte e dos hábitos de vida saudables.
O parque está dotado de distintos aparellos que permiten realizar rutinas variadas e adaptadas a diferentes niveis de preparación. Durante a visita, o rexedor destacou que a calistenia ‘está en auxe, especialmente entre a xente nova’, e subliñou a importancia de contar con espazos axeitados para practicala. Na súa valoración, trátase de instalacións ‘modernas e accesibles’ pensadas para facilitar o exercicio ao aire libre nunha contorna privilexiada como é o paseo da praia.
A intervención complétase coa mellora do parque biosaludable situado xusto ao lado, onde se repuxeron aparellos como a bicicleta e o balanceo. Ademais, esta zona inclúe estacións orientadas ao estiramento de pernas e outros exercicios (patíns, esquí de fondo, elevador e timón), configurando un espazo que favorece a actividade física especialmente entre a poboación de máis idade.