O Partido Popular propón nomear a Francisco Díaz Pereira “Pachico” Fillo Predilecto de Betanzos
O Partido Popular presentará no pleno do vindeiro 28 de xaneiro unha proposta para concederlle a distinción de Fillo Predilecto de Betanzos a Francisco Díaz Pereira, coñecido como “Pachico”.
Esta iniciativa apoia o labor desenvolvido por Díaz Pereira como concelleiro de Cultura entre 1983 e 2011, un período no que deixou unha fonda pegada no ámbito cultural da vila.
“Pachico” será obxecto dun merecido recoñecemento promovido por un grupo de betanceiros o vindeiro sábado 25 de xaneiro, homenaxe que conta co respaldo de importantes institucións culturais galegas, como a Real Academia Galega de Belas Artes.
A voceira do Grupo Municipal Popular, Cecilia Vázquez, anunciou que a formación defenderá no pleno unha moción para que os grupos socialista e nacionalista se sumen á petición de outorgarlle o título de Fillo Predilecto a Francisco Díaz Pereira.
Na súa proposta, os populares destacan fitos como a creación da Banda Municipal, o impulso e consolidación da Feira Franca Medieval, o apoio aos cursos de gráfica de Jesús Núñez e á Fundación CIEC. Tamén subliñan o seu compromiso co Arquivo Municipal, a Biblioteca, o Anuario Brigantino e outras iniciativas culturais como a revitalización da Semana Santa ou o apoio ás danzas gremiais.
O título de Fillo Predilecto de Betanzos é unha das maiores distincións da vila. Entre os galardoados figuran nomes ilustres como Jesús Núñez, José Veiga Roel, Santiago de la Fuente, Carlos Arévalo, José Manuel Romay, José Núñez e Francisco Vales Villamarín.