O Partido Popular de Bergondo solicita información no Senado sobre o estado das obras na praia de O Regueiro

A senadora do Partido Popular pola provincia da Coruña, Rosa Gallego, presentou no Senado unha pregunta escrita para coñecer o estado dun proxecto de obras na praia de O Regueiro, no Concello de Bergondo, cuxa planificación data do ano 2018.
Segundo trasladou o grupo popular tras unha reunión coa súa representación municipal, a praia experimenta desprendementos de terra que poderían afectar tanto aos usuarios da zona como aos terreos e vivendas situadas na parte alta dos taludes. O PP sinala que algunhas fincas viron reducido o seu terreo e outras mesmo desapareceron, ao tempo que destaca a demanda da veciñanza para atopar unha solución que frene a erosión costeira, xa que esta actuación sería relevante tanto para a protección das propiedades como para facilitar o tránsito e o acceso á costa.
Rosa Gallego lembrou que en marzo de 2019 o Ministerio para a Transición Ecolóxica presentou un proxecto en exposición pública destinado a minimizar os riscos provocados polo mar, garantindo a estabilidade da zona e a recuperación do acceso á praia. A senadora insistiu en que descoñecen a evolución do proxecto e pediu información sobre a súa tramitación tras máis de seis anos sen avances visibles.