O Parrote acolle unha exposición sobre a historia do ciclismo coruñés como antesala do Día da Bicicleta

A cidade da Coruña recupera con forza a celebración do Día da Bicicleta, que volverá ás rúas o vindeiro domingo 22 de xuño tras quince anos de ausencia. Como adianto desta cita, o paseo do Parrote acolle desde hoxe a exposición ‘Historia do ciclismo na Coruña. 1889-2025’, unha mostra aberta ao público ata o 29 deste mes que fai un completo percorrido pola traxectoria deste deporte na cidade herculina.
A mostra, promovida coa colaboración do Goberno de Inés Rey, foi presentada este luns nun acto institucional ao que asistiron os concelleiros Gonzalo Castro (Cultura e Turismo), Noemí Díaz (Infraestruturas e Mobilidade) e Manuel Vázquez (Deportes), así como o presidente da Asociación Galega de Xornalistas Deportivos (Agaxorde), Alexandre Centeno.
Comisariada por Lois Novo, quen leva meses traballando na súa preparación, a exposición recolle momentos e protagonistas clave na historia do ciclismo coruñés, moitos deles descoñecidos para o gran público. Desde a primeira carreira documentada en 1889 no paseo de Méndez Núñez, ata os espectáculos na praza de touros ou as competicións no Corralón da Gaiteira e o Parque de Riazor, pasando polo nacemento do club Velocipedista, a mostra ofrece unha mirada única ao pasado ciclista da cidade.
Tamén se lembran grandes figuras do ciclismo vinculadas ao Deportivo, como Juan Long, primeiro campión coruñés, ou os irmáns Rodríguez, nados en Ponteareas pero representantes destacados do club, dous dos cales foron campións de España. A relación entre fútbol e ciclismo é outro dos eixos da exposición, que lembra fitos como o encontro en 1959, no estadio de Riazor, de gañadores do Tour, Xiro e Volta a España.
“Desde o Goberno de Inés Rey apostamos por instaurar na cidadanía hábitos de vida saudables e, por iso, este Día da Bicicleta é unha boa oportunidade para aumentar o número de usuarios destes vehículos”, sinalou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, durante a presentación. Pola súa banda, Gonzalo Castro puxo en valor o “carácter turístico deste evento, que permitirá ás persoas visitantes participar empregando as bicicletas municipais de BiciCoruña e coñecer a cidade sobre as dúas rodas”. Noemí Díaz destacou os avances realizados nos últimos anos: “Desde que no 2019 accedeu á alcaldía Inés Rey, levamos a cabo un importante labor por facilitar o uso da bicicleta como medio de transporte sostible e saudable mediante a mellora da infraestrutura do carril bici, de máis de 50 quilómetros, e renovando por completo BiciCoruña”.
O Día da Bicicleta regresa con máis de mil persoas xa inscritas
A actividade central da programación será o Día da Bicicleta, que se celebrará este domingo 22 de xuño, con máis de mil persoas xa rexistradas. A inscrición continúa aberta de xeito gratuíto a través da web de Agaxorde, sendo obrigatoria para participar.
O percorrido, de 12 quilómetros, partirá e rematará no propio paseo do Parrote, a partir das 10.30 horas, e discorrerá polo paseo marítimo, pasando diante da Torre de Hércules e ata a contorna da cidade deportiva de Riazor. Unha ruta pensada para todas as idades, que recupera unha cita emblemática na cidade e que busca consolidarse de novo no calendario coruñés.