O parque Rosalía Mera, mellor xardín galego de 2025

O Parque Rosalía Mera, situado entre as rúas do Mar e da Poza, en Dorneda, foi distinguido co primeiro premio na 5ª edición dos Premios Xardín Galego, organizados por Agaexar, a Asociación Galega de Empresas de Xardinería. O xurado, integrado por recoñecidos profesionais da xardinería ecolóxica e o paisaxismo, destacou a combinación de arte, técnica e sostibilidade que define o proxecto.
Con case 20.000 metros cadrados de superficie, o parque naceu como un pulmón verde naturalizado que promove a convivencia interxeracional e a aprendizaxe ambiental, ofrecendo zonas de lecer, descanso e actividade física. A súa concepción aberta e participativa fixo del un referente de innovación no deseño do espazo público, pensado para o benestar da veciñanza e o coidado da natureza.
O proxecto desenvolveuse sobre un terreo privado de clasificación urbana cedido para uso público e comunitario, e foi deseñado pola empresa Orza Paisajismo en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat e Trébore Jardinería, empresa de economía social. Tamén participaron artesáns, artistas e empresas locais, coa implicación do Concello de Oleiros.
O xurado —formado por Jaume Alagarda Nacher, presidente da FEEJ; Francisco Marco Rubio, da Asociación Española de Xardinería Ecolóxica; Santiago Lamosa Quintero, profesor da USC; e Álvaro-Fernando Roca Rodríguez, enxeñeiro técnico agrícola— subliñaron que o parque é 'un proxecto exemplar pola integración de arte, técnica e sustentabilidade, pola forte implicación social, a creación de hábitats naturais e o uso de especies autóctonas e materiais locais'.
Este recoñecemento consolida a Oleiros como referente galego en planificación verde e deseño sostible, e reafirma a aposta municipal por espazos públicos resilientes, educativos e inclusivos, que sementan valores ambientais nas novas xeracións.