O parque José Martí afrontará unha posta ao día con máis de 350.000 euros en investimentos

ACoruñaXa
O Concello de Oleiros acometerá despois da Semana Santa a renovación do Rincón de Cecilia e, antes do verán, mellorará o pavimento das rúas interiores deste espazo público
OLEIROS parque
1 Apr 2026

O parque José Martí, un dos espazos públicos máis recoñecibles de Oleiros, iniciará nas próximas semanas unha nova fase de melloras cun investimento global de 352.000 euros. O Concello prevé arrancar as actuacións unha vez remate a Semana Santa, cun plan que permitirá actuar sobre dúas das áreas que presentan maior necesidade de renovación.

A primeira intervención centrarase no chamado Rincón de Cecilia, a zona de xogos do parque, que será obxecto dunha renovación integral. Trátase dun espazo singular dentro do recinto, dedicado á figura dunha pediatra moi vencellada ao municipio e que desenvolveu durante anos o seu labor profesional en Oleiros.

A folla de ruta municipal contempla unha segunda actuación antes da chegada do verán. Neste caso, os traballos irán dirixidos á substitución do pavimento das distintas rúas interiores do parque, que presenta un notable deterioro. Segundo explica o Concello, o mal estado do firme débese sobre todo ao efecto das raíces das árbores, unha circunstancia que obrigará tamén á substitución dalgúns exemplares.

Con este investimento, o goberno local busca mellorar a seguridade, a funcionalidade e a conservación dun dos parques máis emblemáticos do municipio, moi frecuentado tanto por familias como por persoas usuarias que o empregan a diario como zona de paseo e lecer.

0.11758208274841