O parque infantil de Callobre estrea unha renovación integral tras un investimento de máis de 28.000 euros

ACoruñaXa
O Concello de Miño completou a substitución do peche perimetral, o chan de caucho continuo e todos os elementos de xogo nunha actuación centrada na seguridade e na accesibilidade
MIÑO parque callobre
7 Apr 2026

O parque infantil de Callobre conta xa cunha nova imaxe tras a finalización das obras de remodelación integral impulsadas polo Concello de Miño. A actuación permitiu renovar por completo esta zona de lecer infantil cun investimento de máis de 28.000 euros, atendendo así unha demanda trasladada polas familias da parroquia para modernizar o recinto.

Os traballos supuxeron unha transformación total do espazo, coa retirada das estruturas antigas e a instalación de novos xogos. A intervención centrouse especialmente en mellorar as condicións de seguridade e accesibilidade para os nenos e nenas que empregan habitualmente esta área.

Entre as actuacións realizadas figura tamén a renovación de todo o pavimento de caucho continuo, un elemento clave para amortecer impactos e adaptar o parque ás esixencias actuais en materia de seguridade infantil. Ademais, substituíuse o antigo peche perimetral por outro novo, co obxectivo de delimitar e protexer de forma máis eficaz o espazo de xogo.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, visitou recentemente as novas instalacións acompañado por concelleiros do goberno local e pola presidenta da asociación veciñal Anduriña de Callobre, nun percorrido co que o executivo municipal deu por rematada a actuación.

Con esta intervención, o Concello busca mellorar os espazos públicos destinados á infancia e responder ás necesidades das familias, ao tempo que actualiza unha área de xogo moi utilizada na parroquia.

0.11888098716736