O parque Europa estreará unha área biosaudable con espazo para exercicio ao aire libre

ACoruñaXa
As obras, previstas para novembro, completan un plan municipal que xa levou novos espazos de exercicio a Palavea e Monte Alto
Imaxe do parque Europa
29 Oct 2024

O Concello da Coruña emprenderá en novembro a creación dunha nova área biosaudable no parque Europa, xunto á pista de baloncesto, para promover o exercicio físico diario entre a cidadanía. A intervención contempla a instalación de tres espazos deportivos diferenciados, que incluirán bicicletas elípticas, máquinas de dominadas e equipos de press sentado, orientados a mellorar a tonificación muscular, a flexibilidade, a mobilidade articular e o control postural. Esta nova área cubrirá unha superficie de 140 metros cadrados con firme de caucho, un material pensado para reducir o impacto e incrementar a seguridade das usuarias e usuarios.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou a importancia de ofrecer áreas que incentiven a práctica de actividade física, sobre todo nas persoas maiores que habitualmente frecuentan o parque, e que fomenten o envellecemento activo en espazos que xa forman parte do día a día dos veciños e veciñas. “Dámoslle un uso eficiente a zonas que antes estaban infrautilizadas, mellorando a calidade de vida da veciñanza ao dispoñer dun espazo seguro para a actividade física ao aire libre,” sinalou Díaz.

Este proxecto insírese nun plan máis amplo do Goberno de Inés Rey para mellorar as infraestruturas deportivas ao aire libre, que tamén inclúe actuacións noutros barrios da cidade. Recentemente, o Concello ampliou a área biosaudable de Palavea, cuadruplicando a súa superficie e engadindo novos elementos de exercicio, e creou unha nova zona en Monte Alto. Ademais, están en proceso de licitación as obras de mellora do campo de fútbol Víctor Fernández Alonso e da Cidade Deportiva da Torre-Arsenio Iglesias, así como as novas pistas multideporte dos Rosales e A Silva.

 

0.16091299057007