O parque do Observatorio da Agra da Orzán avanza tras o visto bo da AEMET á cesión da parcela

O Concello da Coruña dá un paso decisivo para facer realidade o futuro parque do Observatorio, un proxecto largamente demandado pola veciñanza da Agra da Orzán. O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, anunciou no Pleno deste mércores que o Concello acaba de recibir a aprobación oficial da concesión demanial da parcela, propiedade da AEMET (Axencia Estatal de Meteoroloxía).
“Esta mesma semana recibimos o oficio da AEMET no que se nos comunica a aprobación da concesión demanial a favor do Concello da parcela do parque do Observatorio”, explicou Lage durante o debate dunha moción, deixando claro que sen este trámite “o Concello non podería actuar nunha parcela da que non ten a titularidade ou a cesión. Agora, por fin, xa a temos”.
O edil salientou que a concesión chega tras meses de negociacións co Estado e a obtención dos informes favorables tanto do Ministerio de Facenda como da Delegación Territorial da AEMET. “Froito de numerosas reunións e trámites que deron un resultado que, agora si, nos permite por fin licitar a execución do parque do Observatorio, derrubar os muros e dotar a un barrio que o precisa dunha zona verde de calidade”, sinalou.
Lage tamén puxo en valor o compromiso do Goberno municipal co barrio: “Será o Goberno de Inés Rey o que saldará esta débeda histórica co barrio da Agra e quen amañe un problema que leva décadas sen solución”.
A creación do parque do Observatorio supón un fito clave dentro das actuacións para mellorar os espazos verdes nos barrios máis densamente poboados da cidade, e representa unha vella aspiración da veciñanza da Agra, que leva anos reclamando a recuperación deste espazo para o uso público.