O parque do Observatorio colle forma tras a plantación de árbores e o axardinamento das novas zonas verdes

O Concello da Coruña continúa cos traballos de acondicionamento do parque do Observatorio, onde xa se aprecian os novos espazos de lecer creados a carón da rúa Canceliña e que se abrirán proximamente á cidadanía. Polo momento, a área permanece acoutada cun valado perimetral para favorecer o crecemento do céspede nas superficies habilitadas como zonas verdes.
A alcaldesa, Inés Rey, explicou que esta medida busca evitar o pisado dos parterres mentres non apareza a herba. Segundo detallou, a sementeira realizouse xa avanzado o outono e, por iso, a brotación vai producíndose co paso das semanas. Ademais, antes da apertura prevista, o Concello tamén procederá a segar o céspede.
A rexedora lembrou que a apertura do parque do Observatorio foi un dos compromisos principais do Goberno local neste mandato, para dar resposta ás demandas da veciñanza da Agra do Orzán. Neste proceso, un dos pasos clave foi a cesión da superficie lindeira ás instalacións da AEMET, lograda a mediados do ano pasado. Despois, adaptáronse novos valados interiores arredor do edificio do Observatorio e, xa no último terzo do ano, procedeuse á demolición dos muros perimetrais que impedían o acceso.
'Estamos traballando para que a apertura sexa o máis axiña posible, con todas as garantías. Por iso cómpre agardar unhas semanas máis ata que o céspede agrome e as tarefas nas áreas verdes estean completas', sinalou Rey.
No apartado de reverdecemento, o Concello lembra que os labores comezaron co rozado da parcela obtida en réxime de concesión. Posteriormente, plantáronse novos exemplares de especies como abelias e euryops e, nas últimas semanas, incorporáronse tamén novas árbores: sete bidueiros, que se suman a exemplares máis maduros que xa estaban no parque, como un metrosidero.