O parque das Torres de Santa Cruz acolle as 'Tardes do Alfar' con música e oleiría en vivo ao longo do mes de xullo
Durante o mes de xullo o Museo Os Oleiros organiza 4 concertos e mostras de olería en vivo no parque das Torres, en Santa Cruz.
As 'Tardes do Alfar' volven ás Torres de Santa Cruz un ano máis. Este programa organizado polo Concello amenizará o parque das Torres todos os xoves do mes de xullo con mostras de olería ao vivo e con concertos. As mostras de olería comezarán ás 19.00 horas e ás 20.00 horas comezarán os concertos.
O 4 de xullo comeza este ciclo Sophie Simonds, unha cantante, compositora e multiinstrumentista londiniense afincada na Coruña desde hai 4 anos. Tras un inicio de carreira musical no seu país de orixe, actuando en lugares emblemáticos coma The Half Moon ou The Chelsea Arts Club; xa en Galicia comeza o seu proxecto actual, no que seguen presentes as súas raíces de soul e blues, máis mesturadas coas influencia da nosa cultura e música folk.
O 11 de xullo será a quenda de Julián Maeso. Logo de participar como músico en proxectos como o de Quique González ou Mclan, este artista polifacético e multiinstrumetista, tanto pode tocar en solitario nun local de jazz, coma en grandes escenarios de rock acompañado de bandas de até dez músicos. Para Tardes de Alfar, virá en formato trío cunha proposta máis íntima e adaptada ao entorno que se moverá entre o blues e o jazz.
O 18 de xullo será Candy´s Freckles quen actúe, unha banda emerxente de música alternativa e se podería clasificar como indie psicodélico. Xorde como un proxecto de música minimalista e onírica que se fusiona con ilustracións e cun mundo ficticio protagonizado por dous verbos. A banda pertence á Asociación Musicoleiros e xa ten publicado varios EP e participado en grandes festivais coma Rockanroleiros.
O ciclo de música e arte finaliza o 25 de xullo co concerto de AWY. Esta banda de punk rock formouse no ano 2020 e ten a súa base en Oleiros. Tras a publicación do seu primeiro EP con composicións propias en inglés, fixo una xira por diferentes cidades coma Barcelona ou Sevilla, ademais de ser seleccionada para participar no concerto aniversario do WiZinkCenter en Madrid coma unha das 100 bandas de maior proxección do estado. Cando estaban preparando os temas do próximo disco, foron seleccionados entre 5000 aspirantes para participar no programa Factor X España deste ano, no que chegaron á gran final. En Tardes do Alfar presentarán algunhas destas novas composicións.