O Parlamento insta a Xunta e Oleiros a coordinarse para mellorar a seguridade na estrada do Couto

A Comisión de Obras Públicas do Parlamento aprobou por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista que reclama á Xunta e ao Concello de Oleiros unha coordinación para mellorar a seguridade viaria na estrada AC-173, que divide o núcleo do Couto.
O parlamentario do PSdeG, Julio Abalde, explicou que os veciños e veciñas “levaron anos” solicitando unha solución para esta estrada sen pasos peonís e cun límite mínimo de 70 km/h. Reclamou que a Xunta instale un paso de peóns, reduza a velocidade a 50 km/h e poña un radar para garantir o cumprimento do límite.
Ademais, denunciou que “hai propostas enriba da mesa que non son nin excesivamente custosas nin difíciles, pero non se están a poñer en práctica” debido a que Xunta e Concello “levaron moitos anos pelexando e lanzándose a pelota entre eles”. Abalde destacou que a Xunta se escuda en que non pode poñer pasos de peóns en vías interurbanas e ofreceu ao Concello asumir a titularidade do tramo, algo que este rexeita para evitar o mantemento.
O PSdeG demanda “vontade política” porque, mentres as dúas administracións evitan responsabilidades, “a inseguridade na vía continúa e é continuo que algúns vehículos circulen cun notorio exceso de velocidade, poñendo en risco a peóns e outros usuarios”.