O Palacio Municipal de María Pita acolle a mostra 'O legado de José Ramón’

A sala de exposición do Palacio Municipal de María Pita acolle a apertura da mostra ‘O legado de José Ramón’, composta por 24 debuxos orixinais do artista coruñés que
foron doados pola súa familia ao Concello. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu o acto. “O Goberno de Inés Rey ten na máis alta estima o traballo desenvolvido polos artistas coruñeses, mais José Ramón deixounos tamén algunhas das imaxes máis icónicas da nosa cidade, como o noso escudo”, apuntou o edil.
A mostra é de acceso libre e estará aberta ata o 30 de marzo. A exposición ‘O legado de José Ramón’ xorde a partir dunha xenerosa doazón realizada pola familia do ilustre artista ao Concello, coa que se cumple co desexo expreso do propio José Ramón.
“Esta contribución pasará a formar unha parte destacada do patrimonio cultural da nosa cidade, ofrecendo un valioso legado para o goce de toda a cidadanía coruñesa e das
persoas visitantes”, apuntou Gonzalo Castro.
Máis que unha homenaxe ao pasado, esta mostra representa unha ponte entre a historia e o
presente. A través da súa extraordinaria habilidade, José Ramón logrou capturar a esencia
da Coruña, deténdose naqueles momentos e lugares que definiron a súa evolución.
A exposición é, ademais, unha invitación para reflexionar sobre a importancia de valorar e
preservar o legado histórico, recoñecendo na arte unha ferramenta única para conectar
distintas xeracións. A mostra inclúe 24 debuxos orixinais que narran episodios clave da historia da Coruña. Estas obras serviron como base para que o ebanista Ladislao Stern realizase as icónicas tallas en madeira que decoran o Salón de Sesións do Concello.
Así mesmo, a exposición enriquécese cos debuxos orixinais do Libro de Ouro, nos que destacan os seus escudos heráldicos, e con representacións de momentos históricos emblemáticos, como a defensa de María Pita contra as tropas inglesas. Para completar este percorrido artístico e histórico, preséntase unha selección de obras pertencentes á última etapa creativa do artista que ofrecen unha visión integral da súa traxectoria.
“Hoxe, grazas ao talento e á sensibilidade de José Ramón, temos a oportunidade de mergullarnos na historia da Coruña dende unha perspectiva artística única. A súa obra destaca non só pola súa excelencia técnica, senón tamén pola súa capacidade para actuar como un auténtico cronista visual da nosa cidade, perpetuando a súa memoria a través da arte”, sinalou Gonzalo Castro.