O ouro de Jacqueline e o bronce de Antía redondean un gran fin de semana para o Atletismo Ordes

O Atletismo Ordes asinou unha fin de semana de boas sensacións nos campionatos galegos de base disputados en Ourense, cun balance no que destacou o ouro de Jacqueline Cobos nos 500 metros, o bronce de Antía Castro en salto de altura e as melloras persoais acadadas por Darío Núñez. As probas reuniron o sábado 14 de marzo ás categorías sub10 e sub12, mentres que o domingo 15 foi a quenda do campionato galego sub14, todos eles en pista cuberta.
A actuación máis destacada chegou da man de Jacqueline Cobos Cortiñas, que se proclamou campioa galega nos 500 metros cun rexistro de 1.40.23, ademais de establecer a súa mellor marca persoal. O resultado confirmou o bo momento da atleta ordense nunha das citas máis importantes do calendario autonómico para a base.
Tamén deixou unha actuación salientable Antía Castro López no campionato sub14. A atleta do club conseguiu unha nova mellor marca persoal nos 60 metros e subiu ao podio en salto de altura cun bronce, despois de superar o listón nos 1,37 metros.
Na xornada do sábado tamén competiu Darío Núñez Stefanov, que completou un campionato moi sólido ao mellorar as súas prestacións tanto nos 50 metros como na lonxitude. Nesta última disciplina levou a súa mellor marca persoal ata os 3,05 metros, nunha mostra da progresión que segue a exhibir a canteira do Atletismo Ordes.
Os resultados reforzan o bo traballo de formación do club ordense nas categorías máis novas e deixan un balance moi positivo nunha fin de semana na que a entidade volveu competir entre os mellores do atletismo galego de base.