O orzamento de Bergondo supera por vez primeira os 10 millóns de euros cun forte impulso ao investimento social

O Concello de Bergondo levará ao pleno do vindeiro 27 de novembro o orzamento municipal para 2026, que por primeira vez na historia do municipio supera a barreira dos 10 millóns de euros. As contas ascenden a 10.502.702,63 euros, o que supón un incremento de case 1,1 millóns respecto ao exercicio de 2025.
Desde o goberno local salientan que se trata dun orzamento cun “esforzo investidor considerable, pero sen desatender a nosa filosofía: as políticas que afectan e benefician directamente ás persoas”. “Boa parte do gasto corrente son, na práctica, investimentos na calidade de vida dos nosos veciños”, subliñan.
O capítulo de investimentos reais acada os 2.118.633,91 euros, preto dun millón máis que este ano e un 20,17 % do total das contas. Entre as actuacións principais inclúense as obras que se incorporarán ao Plan Único 2026 da Deputación da Coruña, centradas na mellora de camiños nas diferentes parroquias e na humanización, mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na praia de Gandarío. Tamén se prevé a construción dunha senda na subida da praia de Gandarío a Moruxo, proposta gañadora dos Orzamentos Participativos 2026; a creación dun entorno escolar seguro e saudable na escola infantil de Guísamo; e novas actuacións en saneamento financiadas coa achega de Viaqua como concesionaria do servizo da auga, saneamento e depuración, en virtude das obrigas asociadas á prórroga do contrato.
No anexo de investimentos figuran ademais partidas para novas beirarrúas, adquisición de terreos, mellora da rede de saneamento, renovación do alumeado público, plans municipais de mellora de camiños e seguridade viaria, actuacións en parques e xardíns, mobiliario para deportes, zonas verdes, centros educativos, casa da mocidade e equipamentos culturais, así como a compra de equipos e programas informáticos para modernizar a administración local.
O gasto corrente supón arredor do 52 % do orzamento, e inclúe contratos esenciais como os de subministración de auga, limpeza de edificios e servizos sociais. Neste último ámbito reforzáronse os contratos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e de Envellecemento Activo, co obxectivo de ofrecer ás persoas maiores recursos que melloren a súa calidade de vida e o seu tempo de lecer.
O orzamento mantén unha aposta clara polos programas de Servizos Sociais: só a aplicación vinculada á dependencia acada os 1.029.600 euros, o que representa un 19 % do gasto corrente. A cuantía para as actividades de Envellecemento Activo, Universo Diverso e outras accións sociais elévase a 260.000 euros. As contas recollen, ademais, 100.000 euros para cultura, 120.000 euros para deportes e 155.000 euros para o programa de corresponsabilidade e conciliación.
En materia de transferencias correntes, o Concello destina 40.000 euros ás axudas de emerxencia social, 15.000 euros ás axudas de enerxía térmica e pago da vivenda habitual, así como partidas específicas para o ámbito educativo (bolsas de estudo, axudas ao transporte, premios de actividades culturais) e para apoiar deportistas individuais e comisións de festas.
“Trátase de servizos que incrementan de maneira notable o capítulo de gasto corrente, pero que en realidade supoñen políticas que invisten na calidade de vida da veciñanza e nunha aposta polo factor humano en todas as súas vertentes”, apuntan desde o executivo municipal.
O documento recolle tamén 151.100 euros en subvencións nominativas destinadas a asociacións e entidades educativas, sociais e de dinamización empresarial, coas que o Concello mantén unha colaboración estable ao longo do ano e que contribúen a definir a identidade e o día a día do municipio.
Desde o goberno local lembran que o orzamento é, como en exercicios anteriores, un documento vivo que poderá ir incorporando novos créditos á medida que se concedan subvencións doutras administracións ou se aproben suplementos con cargo ao remanente de tesourería, sempre dentro do marco que permite a lexislación vixente.