O Open de Escalada Solidaria Kubukami chega a Riazor para apoiar proxectos deportivos en África

ACoruñaXa
Os participantes poderán probar a escalada en bloque no rocódromo e optar a sorteos de agasallos
open-escalada
23 Mar 2025

A Coruña prepárase para acoller o Open de Escalada Solidaria Kubukami, un evento que terá lugar no rocódromo municipal de Riazor o sábado 5 de abril. O Concello colabora coa Agrupación de Montañeros Independientes (AMI) e coa ONG Kubuka nesta iniciativa, que busca recadar fondos para proxectos deportivos en Kenya e Zambia.

O Open Kubukami non é unha competición oficial, senón unha xornada deportiva e solidaria aberta a persoas de todas as idades. Os participantes poderán probar a escalada en bloque no rocódromo, ademais de optar a sorteos de agasallos ao longo do día.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, animou á cidadanía a sumarse ao evento, destacando que “promove a actividade física nunha disciplina en auxe como a escalada, ao tempo que fomenta valores como o esforzo, o traballo en equipo, o respecto e o compañeirismo, principios cos que se identifica o Goberno de Inés Rey”.

A participación no evento farase mediante unha pequena doazón, e todo o recadado destinarase a financiar os desprazamentos en autobús de 200 nenos e nenas inscritos en competicións deportivas en África. O obxectivo é garantir que poidan viaxar aos torneos e descubrir novas oportunidades que amplíen as súas perspectivas de futuro.

Unha cita que combina deporte, solidariedade e compromiso social, convertendo o Open Kubukami nunha oportunidade única para achegarse á escalada cun propósito solidario.

0.092663049697876