O Olímpico do Mandeo pecha a IV Liga Galega de Remo Olímpico con dous títulos e cinco podios

O Club de Remo Olímpico do Mandeo concluíu a IV Liga Galega de Remo Olímpico cun balance histórico para a súa canteira. A entidade bergondesa acadou o primeiro posto nas clasificacións xerais infantil feminina e cadete masculina, ademais dun segundo lugar en alevín masculino, dous terceiros postos en alevín feminino e infantil masculino e tres sextas prazas en cadete feminino, xuvenil masculino e absoluto masculino.
A competición, organizada pola Federación Galega de Remo co apoio da Xunta de Galicia e Deporte Galego, desenvolveuse ao longo de varias xornadas no campo de regatas de Castrelo de Miño, en Ourense, con participación de clubs de toda Galicia en categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil e absoluta. A quinta e última regata, disputada tamén en Castrelo de Miño, decidiu as clasificacións finais da liga, na que o Olímpico do Mandeo certificou o seu dominio nas probas de base.
Desde o club destacan que estes resultados confirman o bo momento da entidade e o traballo realizado coa canteira nos últimos anos. O Olímpico do Mandeo entrena na contorna da praia de O Pedrido, nas beiras do río Mandeo, consolidándose como referente do remo olímpico no municipio de Bergondo.
O éxito deportivo chega nun contexto no que o club está a impulsar a campaña para garantir a continuidade da súa base e acondicionar a nova instalación provisional en Bergondo, tras anos reclamando mellores infraestruturas para a práctica do remo.
O Concello de Bergondo e diferentes entidades locais veñen mostrando respaldo á actividade do Olímpico do Mandeo, que considera estes resultados na liga como un paso máis para afianzar o proxecto deportivo da casa e seguir formando novas xeracións de remeiras e remeiros.