O Olímpico do Mandeo brilla no Galego de Fondo con dous ouros en Castrelo de Miño

O club de remo Olímpico do Mandeo asinou unha actuación destacada no Campionato Galego de Fondo, celebrado en Castrelo de Miño, ao sumar dous primeiros postos e varios resultados de mérito nas categorías de base.
O primeiro ouro chegou no skiff cadete masculino, onde Marcos Pan foi o máis rápido. A segunda vitoria foi para a embarcación de dobre scull xuvenil mixto, formada por Javi Puentes e Lucía Otero, que tamén subiu ao máis alto do podio.
A expedición completou a xornada con dous cuartos postos: Miriam Cagiao quedou ás portas das medallas no skiff cadete feminino, e Carolina Cagiao xunto con Noa Álvarez foron cuartas no dobre scull cadete feminino, nunha proba na que competiron pese a ser aínda infantís.
Tamén participaron Yerai Álvarez, décimo no skiff xuvenil masculino, nunha competición que o club enmarca na súa aposta por seguir medrando desde a base e reforzar a canteira en Bergondo.