O Olímpico do Mandeo arrinca a Liga Galega de Remo Olímpico con catro podios e un dobrete infantil

ACoruñaXa
O club de O Pedrido, en Bergondo, abriu a competición en Castrelo de Miño cun ouro e unha prata en skiff infantil feminino e coa vitoria de Marcos en cadete masculino
BERGONDO club mandeo
8 Mar 2026

O Club de Remo Olímpico do Mandeo estreouse con bos resultados na regata inaugural da IV Liga Galega de Remo Olímpico, disputada este sábado 7 de marzo en Castrelo de Miño, primeira das cinco xornadas puntuables previstas nesta competición. A entidade bergondesa acudiu á cita con oito embarcacións e asinou unha actuación destacada da súa canteira.

O gran resultado da xornada chegou no skiff infantil feminino, onde Noa e Carolina asinaron un dobrete con primeiro e segundo posto. Tamén subiu ao máis alto do podio Marcos, vencedor en skiff cadete masculino, mentres que o catro scull cadete feminino formado por Noa, Carolina, Míriam e Helga conseguiu a prata e Lucía foi terceira en skiff xuvenil feminino.

A participación do Olímpico do Mandeo completouse co cuarto posto de Míriam en skiff cadete feminino e co quinto e sexto lugar de Gabriel e Javi, respectivamente, en skiff xuvenil masculino. Uns resultados que o club puxo en valor ao destacar o esforzo dos seus deportistas pese ás dificultades para adestrar no río.

0.12210392951965