O Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia detecta 205 casos en 2024 e mantén a vía pública como principal escenario de agresións

ACoruñaXa
O servizo de ALAS A Coruña atendeu catro novas situacións por semana e rexistrou 42 incidentes de odio, sendo 33 deles agresións, cun lixeiro descenso respecto a anos anteriores
A CORUÑA alas a coruña
28 Sep 2025

O Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, xestionado por ALAS A Coruña, vén de presentar o informe anual ‘Un compromiso colectivo’, no que analiza 205 casos atendidos ao longo de 2024. A cifra supón unha media de catro novas situacións cada semana e revela que o 20,59% están vinculadas con incidentes de odio.

O servizo realizou 294 atencións comunicadas por 193 persoas e 12 entidades ou administracións. A maioría das persoas usuarias teñen nacionalidade española (74,1%), fronte a un 25,9% procedente de vinte países distintos. Un ano máis, a cidade da Coruña concentra o maior uso do dispositivo, con preto do 58,5% das consultas. Pola natureza das demandas, destacan as intervencións de carácter social, por diante das de ámbito sanitario e legal.

No capítulo da violencia, o Observatorio cuantifica 42 incidentes de odio, dos cales 33 se consideran agresións dirixidas á comunidade LGTBI+ galega. A tendencia mostra un lixeiro descenso no número rexistrado, pero mantén patróns que se repiten: por quinto ano consecutivo, a rúa é o escenario máis habitual da LGTBIfobia, seguida a continuación polos espazos de lecer e os ámbitos domésticos.

Durante a presentación, a presidenta de ALAS A Coruña, Ana G. Fernández, subliñou a importancia de soster no tempo a prevención e a investigación: ‘Nun ano marcado polo proceso xudicial do caso Samuel, no que exercemos a acusación popular, é clave que as administracións sigan apoiando observatorios como este’. O Concello da Coruña impulsa este servizo desde 2017, converténdoo nun recurso único en Galicia para medir, acompañar e visibilizar a discriminación e a violencia por orientación sexual, identidade e expresión de xénero.

⚙ Configurar cookies
0.098407030105591